miércoles, 11 de marzo de 2015

20 NORMAS PARA MOVERSE POR INTERNET







Dá a impresión de que dominan á perfección tabletas, teléfonos intelixentes e videoconsolas. Coma se estes dispositivos nas súas mans non tivesen secretos para eles. Os adultos quedamos con cara de bobos cando un pequerrecho de 7 anos consegue entrar nunha aplicación do noso móbil que nin sequera sabiamos que existía. 
Pero non é ouro todo o que reloce... Aínda que nenos e adolescentes poden estar máis familiarizados co manexo das TIC que os seus pais, a maior parte dos coñecementos que teñen adquiríronos a nivel de usuario e de forma case sempre autodidacta. 
Loxicamente, adóitaselles escapar cuestións relativas á seguridade, á protección de datos persoais ou ao dereito á intimidade. É necesario, entón, que os adultos asumamos o noso papel como referentes neste tipo de cuestións. Do mesmo xeito que lles ensinamos a pararse cando o semáforo está en vermello, debemos mostrarlles cando hai que acender o piloto de alarma ante un potencial perigo en Internet. 


Estas son 20 normas básicas de seguridade para transmitir aos fillos:

CORREO ELECTRÓNICO
1 Non debes abrir correos electrónicos de remitentes descoñecidos, e menos se se atopan noutros idiomas. Con frecuencia trátase de spam que pode conter arquivos ou documentos adxuntos con virus que danarían o teu dispositivo.

2 Non enchas formularios que che cheguen por correo electrónico,  en especial aqueles que che pidan datos persoais.

3 Na túa conta de correo non inclúas nome e apelidos, idade ou data de nacemento. Non é unha boa idea. Di demasiado sobre ti. Debes utilizar alcumes, nomes inventados ou neutros. Carlota13@... 

4 O contrasinal do teu correo electrónico é moi importante. Non o compartas con ninguén (nin sequera co teu mellor amigo, tampouco co teu noivo!) e utiliza combinacións de letras e números, utilizando algunha maiúscula se pode ser.

5 Non reenvíes as cadeas de mensaxes que che chegan a través do correo electrónico, son unha estafa («Envía este correo a 20 contactos e conseguirás aquilo que anhelas»).
6 Cando envíes un correo a varias persoas ao mesmo tempo, debes pór as súas direccións en copia oculta, no apartado CCO.


REDES SOCIAIS

7 Pon no teu perfil unha imaxe que non che identifique directamente: un avatar ou algo que che guste. 

8 Non inclúas información persoal relevante no teu perfil que permita a túa localización ou clara identificación. Non indiques en que centro escolar estudas, nin que días marchas de vacacións fóra da túa casa...

9 Non agregues a persoas que non coñezas fisicamente. Non serve de nada ter un perfil privado se despois agregas a 200, 300 ou 400 persoas.

10 O teu perfil como menor de idade debe ser sempre privado. É moi importante.

11 Lembra que tamén debes coidar a privacidade dos teus familiares e amigos, polo que non debes dar información persoal sobre eles sen o seu consentimento.
12 Coidado coas fotos que sobes. É necesario pedir autorización ás persoas que aparecen nelas.

13 Debes ser respectuoso cando escribas no muro dos demais, e debes esixir o mesmo. Lembra que o que se escribe en Internet permanece durante anos e é posible identificar ao autor.

14 Non participes en perfís ou grupos nos que se insulte, ameace ou falte ao respecto a outras persoas. Se atopas un destes grupos debes darche de baixa ou denuncialo.

15 En Internet a xente non sempre é quen di ser. É moi fácil enganar e mentir e moita xente faio. Nunca quedes con alguén que coñeciches na rede.

TABLETAS E MÓBILES

16 Activa un contrasinal para desbloquear a pantalla que só ti coñezas. Así, en caso de perda ou roubo, ninguén poderá acceder aos teus contidos.

17 Non te conectes a redes wifi gratuítas e descoñecidas sen verificar antes que entidade é a responsable da devandita rede. 

18 Coidado coas descargas de aplicacións. A instalación de moitas APP implica a cesión dunha serie de autorizacións con risco. Por exemplo, moitas poden acceder á listaxe de contactos, galería fotográfica, cámara de fotos ou localización GPS.



RESPONSABILIDADES QUE ASUMES 

19 Internet non é anónimo. Hai quen pensa que con crearse un correo ou perfil falso xa se pode insultar, ameazar ou colgar fotos comprometidas de forma impune. Pero isto é un erro, xa que poden ser denunciados e identificados con facilidade.

20 Os maiores de 14 anos en diante teñen responsabilidade penal sobre o que fan. Escribir ou enviar ameazas, calumnias, inxurias ou difundir imaxes doutras persoas sen a súa autorización ten consecuencias penais. Os menores de 14 non teñen responsabilidade penal, pero os seus pais deberán correr coas consecuencias do que eles fagan, por exemplo asumir unha sanción económica.


FOTOS: Google images
FONTE. A Voz da Escola, 11 de marzo de 2015.

No hay comentarios:

Publicar un comentario